Poemas ProVieiro






Serea...


Espera o seu sorriso entre ondas de escuma, de sal e de vento…
Súa  mirada  adiviña entre caracolas, areas e rochas….
Imaxina suaves e adoradas  mans  entre algas, medusas e estrelas de mar….

E para que non se perda na noite si entre as sombras a busca,
 Dende a beira do mar  lle envía o lume do Faro do seu corazón,
Para que na distancia sempre a atope con só pensala...

Agosto 1/08/2013







Palabras da Lúa…

Miro a grande e fermosa Lúa,
noto a súa mirada fixa e desafiante,
e non sei que dicir…

Algúns pensan na súa cor,
outros na súa luz, ou talvez, na súa distancia…

Eu penso no seu esplendor,  alá arriba naquel monte,
alumeando nosos momentos de ledicia e grandes soños …
E fíxome sobre todo no misterio das súas palabras silandeiras…

… unhas palabras
que cando xermolan
e supuran pola miña pel
vólvense o centro do meu universo
e volvenme tola… 







Fondas pegadas...

Acaricia o centeo
a brisa que sobrevoa os campos
levando a miña alma de paseo
polas indulxentes follas do bosque,
pero sen conseguir
alixeirar as miñas pegadas
no camiño.

Chove a tormenta
esperada do verán,
cubro coa miña man a vista
da luz do solpor
para protexer
o mundo que queda
a mercede do horizonte.

Cruza como unha frecha
unha bandada de pardaos
cortando o aire
no silencio alado
dunha serpentina
tola de vaivéns
no atardecer do estío.

Vento, chuvia, paxaros,
follas espalladas e pegadas no chan ...
paisaxe que cobre o horizonte
ata a profundidade
dun tempo de luces e sombras
percorrido ata aquí
coa rapidez do momento.


Soidade fronte o mar…
O mar ruxía enfadado.
As ondas rompían con toda a súa forza contra as rochas, chegando case a alancar por enriba da ponte…
A forza da auga batía tan de súpeto que fería profundamente as caladas e duras rochas…
O forte vento arremuiñabaa area, envorcaba as papeleiras e alborotaba o seu pelo…
A marea estaba alta…a praia baleira…non avistou sequera unha gaivota…
Quizais puido albiscar un barco entrando na ría…
Unha parella olla cara o mar agarimándose no seu coche…
facía frío… chovía…
Levantou a mirada cara o ceo…fermosas nubes debuxaron seu rostro…
Viu a luz da súa mirada…
Escoitou o suave ton da súa voz…
Sentiu a forza do seu abrazo…
Tremía, mais nese intre xa non sentía aquel frío…
Por un segundo …xa non se sentía tan soa…
Envioulle un sorriso…baixou a súa mirada e… marchou.
Desexando A’Mar…
Suave area
Mar salgada
Como quixera
Ter túa mirada
E que teu sorriso
Acougara miña alma
Que túa frescura
Nun abrazo de auga
A calor do me corpo
Túas mans calmara
Que o vaivén das túas ondas
Como berce adorado
Aloumiñaran meus soños
E en paz descansara
Que o son das túas augas
No oído me contara
De amores e de paixóns
E túa voz me namorara
Que teus suaves y verdes pétalos
Caricias da flor da auga
Baixo a Lúa chea
Meu corpo espertaran
E chorarei…
Pisarei as follas secas
cando caian á beira do camiño
e o seu bulir será tristura…
e chorarei sobre os recordos,
sufrindo a luz apagada da túa risa…
Pisarei as follas que onte
deron a súa sombra no noso paseo
das tardes calurosas do verán…
e chorarei sobre os recordos,
tinguindo de azul
as esperanzas estragadas…
Pisarei as follas verdes
que vixiaban o noso abrazo renacido
dos acosos das miradas agochadas…
e chorarei sobre os recordos,
atrapando a imaxe
das túas ás arrancadas…
Pisarei as follas frescas
que aliviaron o noso descanso
no refuxio secreto do noso amor…
e chorarei sobre os recordos,
bicando inutilmente
a túa mirada na herba…
Berce empapado… 
Bicou a miña mente a bágoa do tempo,
a luz arrolou o meu sono ferido
e así, co seu aloumiño, saíu o meu aire durmido
a trepar polos chans das estrelas…
Doce berce,
empapado de estrelas
cheas de luz…
Creceu a brisa na miña fronteira,
apuntou a nube ao meu sorriso,
e así, co seu manto, saíu o meu alento ferido
a chorar os seus ventos á choiva.
Feble nube,
sorrinte fronteira
de choiva chorosa.




Xeo seco...

Aproxímase o cambio nos ventos do corazón...
vólvese armadura o xeo seco na revolta do camiño.
A cegueira dos ollos é espanto de lembranzas dolorosas ,
de arpóns cravados na carne e no óso brando.

É o ollo dentro do ollo, é a espiga atormentada, é o sol na penumbra, é a lúa na miña cortina, é a semente na lama...

É el...

É o xeo seco na revolta do camiño, é o vento durmido no meu corazón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario